Un equipo de investigadores do CITIC da UDC bate un récord mundial en procesamento da linguaxe natural

03/06/2019 - CITIC
  • O sistema creado polos investigadores do CITIC é o máis preciso e rápido que existe na actualidade.
  • O grupo presentará os resultados no congreso norteamericano da Asociación de Lingüística Computacional, que se celebra ata o 7 de xuño en Minneapolis.

A Coruña, 3 de xuño de 2019.- Un equipo de investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña bateu o récord mundial de precisión e velocidade de procesamento dun analizador sintáctico. Trátase do Grupo de Lingua e Sociedade da Información (LYS), especializado en Procesamento da Linguaxe Natural. O equipo está dirixido polo investigador Starting Grant Carlos Gómez Rodríguez e integrado por Daniel Fernández, Michalina Strzyz e David Vilares.

Os investigadores do CITIC presentarán os resultados do seu traballo no congreso norteamericano da Asociación de Lingüística Computacional, que se celebra ata o 7 de xuño en Minneapolis e é un referente mundial neste ámbito.

O proceso que realiza un programa de ordenador para entender a linguaxe humana chámase análise sintáctico e é un paso imprescindible nos sistemas de Intelixencia Artificial que comprenden texto. Por iso, conseguir programas analizadores sintácticos precisos e rápidos é un dos obxectivos máis desexados polos investigadores en procesamento da linguaxe natural.

A precisión dun analizador mídese segundo a proporción de relacións de palabras que é capaz de atopar nunha colección de noticias xornalísticas. O sistema dos investigadores do CITIC conseguiu unha cifra do 94,43 %, superando o récord anterior de 94,21 %. Pola súa banda, a velocidade de procesamento consegue que un sistema analice máis texto nun tempo menor. Así, este analizador procesa máis de 700 oracións por segundo, fronte ás 400 acadadas polo sistema máis rápido que existía anteriormente.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.