O proxecto GEMA, financiado pola GAIN a través do programa Conecta Peme, foi presentado no CITIC

29/07/2019 - CITIC
  • O proxecto GEMA “GEstión da MovilidadAd” obtivo un financiamento de cerca de 800.000 € por parte da GAIN, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado polos Fondos Feder, a través do programa Conecta Peme.
  • O CITIC participa neste proxecto de investigación, xunto con outras catro entidades: Enxenio; GESUGA - Gestora de subproductos de Galicia; AO Mayores Servicios Sociales e Taprega.

A Coruña, 29 de xullo de 2019.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a presentación do proxecto de investigación “GEMA: GEstión de la MOvilidad”, que obtivo un financiamento de case 800.000 € por parte da GAIN (Axencia Galega de Innovación), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado polos Fondos Feder, a través do programa Conecta Peme. No acto estiveron presentes representantes das cinco entidades que participan no proxecto: o CITIC; Enxenio; GESUGA - Gestora de subproductos de Galicia; AO Mayores Servicios Sociales e Taprega.

Precisamente, o programa Conecta Peme, encargado de subvencionar este proxecto, fomenta a cooperación entre as pemes e os demais axentes do sistema rexional de innovación a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia. Ademais, estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Mellora de calidade e eficiencia

Así, o proxecto GEMA: “GEstión de la MovilidAd”, que comezou a súa andadura o pasado mes de marzo e rematará en febreiro do 2020, abordará catro retos de investigación: a planificación intelixente de roteiros, axendas e horarios; a etiquetaxe semántica automática de traxectoria; a representación, almacenamento e explotación eficiente de traxectorias, e o desenvolvemento automatizado de software de Movile  Worforce  Management. “O resultado ten que ser unha aplicación válida para calquera outra empresa que teña traballadores en movilidade”, destacou Nieves Brisaboa, investigadora do CITIC e catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC que, ademais, engade que este proxecto “deixará pegada, xa que vai favorecer á mellora da calidade e eficiencia dos servizos”.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.