O CITIC da UDC recibe unha axuda de 2,21 millóns de euros da Xunta de Galicia

17/01/2020 - CITIC
  • O presuposto destinado ao CITIC para os próximos tres anos increméntase nun 24 % con respecto ao período anterior.
  • A axuda é concedida por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A Coruña, 14 de xaneiro de 2020.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu unha axuda de 2,21 millóns de euros destinadas aos próximos tres exercicios, por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A cantidade concedida supón un incremento dun 24 % con respecto ao período anterior (decembro 2016 - novembro 2019). Estas axudas están destinadas á consolidación das unidades de investigación do Sistema Universitario Galego que destacan pola súa traxectoria científica, a excelencia dos seus resultados, a capacidade para desenvolver e atraer talento investigador, a competencia en transferencia da tecnoloxía e a xeración de impacto social, así como un axeitado enfoque estratéxico e un modelo de gobernanza flexible e responsable.

Dos oito centros acreditados no Sistema Universitario Galego, o CITIC é o único centro da Universidade da Coruña en ser recoñecido con esta axuda. Durante os próximos tres anos (decembro 2019 - 2022), o CITIC pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia, en lugar da anterior denominación como Centro Singular de Investigación de Galicia.

Esta concesión supón para o CITIC un recoñecemento ao “traballo de fronteira que se realiza no centro e a excelencia no coñecemento xerado no ámbito das TIC, que pon en valor as nosas capacidades e que nos permitirá ser más ambiciosos en canto os nosos obxectivos e proxectos”, en palabras do director do centro, Manuel F. González Penedo. O director do CITIC tamén indica que unha parte importante da axuda obtida destinarase á “captación e retención de talento excelente”.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 recibe a acreditación de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. En 2019 pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.