O CITIC da UDC celebra a primeira xornada do II Congreso XoveTIC con preto de 100 asistentes

05/09/2019 - CITIC
  • O congreso está orientado a potenciar a interacción e colaboración entre novos investigadores.  
  • O XoveTIC 2019 continúa mañá venres en Palexco e está integrado na 27ª Conferencia Europea de Procesamento de Sinais (EUSIPCO 2019).

A Coruña, 5 de setembro de 2019.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña celebra este xoves a primeira xornada do II Congreso XoveTIC, que recibiu a preto de 100 asistentes e ten o obxectivo de potenciar a interacción e colaboración entre novos investigadores. O evento continúa mañá en Palexco, integrado na conferencia internacional EUSIPCO (27ª Conferencia Europea de Procesamento de Sinais). Durante estas dúas xornadas, arredor de 50 investigadores de universidades galegas e do norte de Portugal presentan os seus traballos no ámbito das TIC. Ademais, tamén participan persoeiros de relevancia internacional neste eido, como o Senior Product Manager de Amazon, Francisco Servia, antigo estudante da UDC; e o profesor do departamento de Electrotecnia e Enxeñaría de Sistemas da Universidade de Pensilvania, Alejandro Ribeiro.

A sesión de apertura foi a cargo do reitor da UDC, Julio Abalde, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo. O director do centro destacou que un dos obxectivos do XoveTIC é favorecer a “relación, a interacción e a busca de sinerxias” entre investigadores, para poder “crear equipos multidisciplinares” con “outros investigadores que están moi preto e traballando en proxectos similares”. O reitor da UDC destacou a importancia de “colaborar entre as tres universidades galegas para ser máis dinámicos, innovadores e competitivos” e “mellorar os resultados e posibilidades de transferencia de coñecemento”.

Na xornada de mañá, a mesa de clausura será a cargo do adxunto a investigación do Vicerreitorado de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Horacio Naveira Fachal; o decano da Facultade de Informática da UDC, Luis Hervella; e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo. Neste acto entregaranse cinco premios de 300 euros cada un, destinados a recoñeceren a calidade, a excelencia e a orixinalidade das comunicacións orais mellor valoradas polas entidades patrocinadoras dos galardóns: o Clúster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Cátedra Handytronic-Grupo Telecon e a Cátedra UDC-everis en Transformación Dixital, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Indra.

Cabe destacar que o XoveTIC é un congreso xenuíno, xa que se diferencia da maioría dos congresos que se celebran en España no ámbito das TIC, que reúnen a investigadores senior con anos de experiencia. Así, o XoveTIC pode ser o berce de novas investigacións e proxectos que impliquen cambios disruptivos na sociedade e na tecnoloxía tal como a coñecemos.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.