O CITIC da UDC acolle a terceira edición do International Workshop on 5G Communications

17/07/2019 - CITIC
  • Este workshop, que comezou onte, 16 de xullo, e rematará mañá, xoves 18, ofrece diferentes conferencias e comunicacións orais sobre tecnoloxía 5G.
  • Organizado en colaboración coa Universidade de Tongji (China), neste evento participan máis de 30 graduados internacionais.

A Coruña, 17 de xullo de 2019.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña converteuse na capital mundial da tecnoloxía 5G, coa celebración da terceira edición do International Workshop on 5G communications (IW5GC2019), que comezou o 16 de xullo e rematará mañá, día 18. Organizado xunto coa Universidade de Tongji (China), recibiu a visita de máis de 30 asistentes internacionais.

Este evento, que reúne a persoas graduadas de diferentes universidades españolas e chinas, exerce de punto de encontro e de intercambios académicos, para ofrecer unha descrición xeral dos avances da investigación actual no modelado de canles para comunicacións de quinta xeración.

E é que, ese intercambio de coñecementos é, precisamente, un dos obxectivos do CITIC. Así, “a celebración deste evento de referencia internacional é, para nos, un orgullo; un xeito de compartir coñecemento, experiencias e innovación no campo da tecnoloxía 5G”, afirma o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.

Cuestións como sistemas de alta frecuencia, comunicacións masivas MIMO, esquemas dúplex completos, comunicacións de vehículos, escenarios de terra e aire e comunicacións ópticas, codificación 5G, optimización da rede, melloras á rede de acceso de radio ou a optimización do control de recursos de radio, entre outras, foron abordadas nesta xornada, que rematará mañá co peche das sesións de workshop e a entrega de diplomas no paraninfo da reitoría da UDC. Este acto de peche do workshop contará coa presencia do reitor da UDC, Julio Abalde, o director do CITIC, Manuel Penedo, e o coordinador do grupo de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións da UDC, Luis Castedo.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.