O CITIC acolle unha xornada formativa sobre protección do software con case un centenar de asistentes

27/02/2019 - CITIC
  • O evento estivo organizado polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC xunto coa Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da UDC e coa colaboración da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) e ZBM Patentes y Marcas.
  • O obxectivo principal foi dar a coñecer as posibilidades de protección do software dende un punto de vista legal e estratéxico.

A Coruña, 27 de febreiro de 2019.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a xornada formativa “A protección do software. Dereitos de autor e patentes”, organizada conxuntamente coa Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da UDC e coa colaboración da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) e ZMB Patentes y Marcas. O evento contou con case un centenar de participantes.

O obxectivo do encontro foi dar a coñecer as posibilidades de protección do software dende un punto de vista legal e estratéxico, así como impulsar o uso da información de patentes no ámbito universitario. Así, os participantes foron principalmente do sector investigador, universitario e empresarial.

A presentación da xornada foi a cargo do adxunto a transferencia do Vicerreitorado de Política Científica, Investigación e Transferencia e investigador do CITIC, Fidel Cacheda; o subdirector do CITIC, Javier Pereira; e o director científico-técnico da OTRI da UDC, José Mahía Saavedra. Interviñeron como conferenciantes o técnico examinador de patentes da Oficina Española de Patentes e Marcas, Juan Manuel Vázquez Burgos; o socio de ZBM Patentes y Marcas, Carles Comes Federico; e a responsable área de Protección de Resultados OTRI-UDC, María Isabel Docampo Ramos.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.