Investigadores do CITIC da UDC participan no proxecto Erasmus Class con 12 universidades europeas e asiáticas para a formación en Lingüística Computacional

19/06/2018 - CITIC
  • O proxecto Erasmus Class ten o obxectivo de axudar a universidades de Kazhakhstán e Uzbekistán a desenvolver os seus propios másteres interdisciplinares en Lingüística Computacional.
  • Coordina a participación da Universidade da Coruña o investigador da área de Ciencia de Datos de Información do CITIC, Carlos Gómez Rodríguez.
  • Este martes tivo lugar a xornada de inauguración dunha acción do proxecto na Facultade de Filoloxía da UDC.

A Coruña, 19 de xuño de 2018.- O investigador da área de Ciencia de Datos e Información do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Carlos Gómez Rodríguez, coordina na UDC o proxecto Erasmus Class: “Development of the interdisciplinary master program on Computational Linguistics at Central Asian universities”, no que participan 12 universidades europeas e asiáticas. O obxectivo deste consorcio é asesorar e axudar a universidades de Kazhakhstán e Uzbekistán a desenvolver os seus propios másteres interdisciplinares en Lingüística Computacional, mediante a formación do profesorado nesta área. Así, a UDC encárgase da elaboración do currículum do máster e da formación especializada en Lingüística, Lingüística Computacional, Ensinanza Semipresencial e Avaliación da Calidade, que será impartida por investigadores do CITIC.

Este martes tivo lugar a xornada de inauguración dunha acción do proxecto na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, coa presencia do coordinador por parte da UDC, Carlos Gómez Rodríguez, o coordinador principal do proxecto, Enrique López Veloso, da Universidade de Santiago de Compostela, e diferentes membros do comité.

Durante as próximas semanas, ata o 2 de xullo, terán lugar na universidade coruñesa diferentes xornadas de formación para o alumnado.

As universidades europeas que participan en Erasmus Class son, ademais da UDC e a USC, que lidera a iniciativa, a Universidade de West Attica (Grecia), a Universidade de Porto (Portugal) e a Adam Mickiewicz University de Poznan (Polonia). Pola súa banda, participan catro universidades de Uzbekistán (Urgench State University, Samarkand State Institute of Foreign Languages, Tashkent State University of the Uzbek language and literature e The National University of Uzbekistan) e tres de Kazhakhstán (A. Baitursynov Kostanay State University, L.N. Gumilyov Eurasian National University e Al-Farabi Kazakh National University).

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola UDC, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.