A investigadora do CITIC Nieves Rodríguez Brisaboa gaña o Premio Nacional de Informática

28/05/2019 - CITIC
  • Trátase dun dos máis prestixios recoñecementos a nivel nacional no ámbito da enxeñería informática.

A Coruña, 28 de maio de 2019.- A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Nieves Rodríguez Brisaboa, recibe o Premio Nacional de Informática, concedido pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA. Este galardón é un dos máis prestixiosos a nivel nacional no ámbito da enxeñería informática e está dirixido a recoñecer a labor de investigadores e entidades na área da informática que dedican a súa carreira profesional ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina.

Nieves Rodríguez Brisaboa é catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña e investigadora principal do Laboratorio de Bases de Datos (LBD), adscrito ao CITIC.

O xurado desta terceira edición dos Premios Nacionais de Informática recoñece á investigadora do CITIC co Premio Ángela Ruiz Robles “polos seus traballos de investigación e innovación relacionados coa Xestión de Datos, así como as súas iniciativas nos campos da transferencia de coñecemento en relación con empresas e institucións públicas e a creación de empresas de base tecnolóxica”.

Investigadores do CITIC premiados na edición anterior

Cabe recordar que na edición anterior, en 2018, o investigador do CITIC Ramón Doallo recibiu o Premio Nacional de Informática “polas súas sobresaíntes contribucións á arquitectura e tecnoloxía de computadores” e “pola súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico”.

Pola súa banda, o investigador David Vilares foi condecorado co Premio Jóvenes Investigadores Informáticos “polas súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación ao análise de sentimentos en redes sociais”.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Foto: Miguel Miramontes/Roller Agencia