A investigadora do CITIC da UDC Minia Manteiga ingresa na Real Academia Galega das Ciencias

05/03/2020 - CITIC
  • O acto de ingreso tivo lugar este mércores en Santiago de Compostela.
  • A investigadora do CITIC é a primeira catedrática de Astrofísica en Galicia.

A Coruña, 5 de marzo de 2020.- A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Minia Manteiga, acaba de ingresar na Real Academia Galega de Ciencias. O acto tivo lugar este mércores no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. A investigadora é a primeira catedrática de Astrofísica en Galicia, especialista en evolución estelar, astrofísica espacial e Big Data Astronomy, e docente na Escola Superior de Náutica e Máquinas da UDC.

Minia Manteiga forma parte do Grupo Galego da Misión Espacial Gaia, un ambicioso proxecto da Axencia Espacial Europea que ten como obxectivo crear un mapa tridimensional da Vía Láctea. Tamén é colaboradora da Axencia Estatal de Investigación, presidenta do Grupo de Astrofísica (GEA) da Real Sociedade Española de Física, membro da Sociedade Española de Astronomía (SEA), da Unión Astronómica Internacional (IAU) e da Sociedade Europea de Astronomía (EAS).

O discurso de toma de posesión de Minia Manteiga como nova académica levou por título “Gaia: O primeiro censo de estrelas da Vía Láctea en seis dimensións”.

A Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) ten como obxectivo promover a ciencia e a tecnoloxía e a súa influencia na sociedade, difundindo a cultura e os valores científicos para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.